28 xaneiro, 2020

Tempo Ordinario: 4ª semana





2 de febreiro: domingo 4º do Tempo Ordinario
Festa da Presentación do Señor. Nosa Señora da Candeloria

Evanxeo: Lc 2, 22-40 (breve: 2, 22-32)
Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ao Señor; pois así está escrito na Lei do Señor: "Consagraredes ao Señor a todo varón primoxénito"; e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou dous pombiños".
Vivía daquela en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo estaba con el e prometéralle que non había morrer sen ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el colleuno nos brazos e loou a Deus dicindo:
—Agora, Señor, segundo a túa promesa,
podes deixar que o teu servo morra en paz,
porque xa os meus ollos viron o teu salvador,
o que ti preparaches para todos os pobos:
luz de revelación para todas as xentes
e gloria do teu pobo Israel.
(ata aquí a lectura breve)

O pai e máis a nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:
—Mira, este está disposto para caída ou levantamento de moita xente en Israel, para ser signo de contradición, e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma; así quedarán ao descuberto as intencións de moitos corazóns.
Había tamén alí unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer; casara e vivira sete anos co seu marido, e logo seguiu viúva ata os oitenta  e catro. Non se apartaba do templo, senón que de noite e de día servía a Deus con xaxúns e oracións. Presentouse naquel intre no templo e empezou a loar a Deus e a falar do neno Xesús a todos os que esperaban a redención de Israel.
Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para a aldea de Nazaré en Galilea. O neno ía medrando ben criado, forte e intelixente e o favor de Deus estaba con el.

22 xaneiro, 2020

Tempo Ordinario: 3ª semana




26 de xaneiro: domingo 3º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 4, 12-23
Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixou Nazaré e foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
“Terra de Zebulón, terra de Naftalí, camiño do mar na outra ribeira do Xordán, Galilea dos pagáns. O pobo que xacía na escuridade viu unha gran luz; para a xente que habitaba no escuro país da morte brillou unha alborada.”
E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo:
—Arrepentídevos, que o reino dos ceos xa está aí.
Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e André; os dous eran pescadores e estaban largando o aparello no mar. Díxolles:
—Vide comigo e fareivos pescadores de xente.
Eles deixaron de contado o aparello e seguírono. Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e máis Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando o aparello. Tamén os chamou e eles coa mesma deixaron a barca e máis a seu pai e seguírono.
Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a boa nova do reino, curando canta doenza padecía o pobo.

21 xaneiro, 2020

Obradoiro de Espiritualidade 3



A IGREXA: CRISE E ESPERANZA



Núcleo vital 2º:
Evanxelizadores/as nun contexto social desafiante e sometid@s a posibles tentacións internas.


Textos bíblicos:
Mt 6, 24: No eterno conflito: Deus e o diñeiro.
Xn 16, 16-24: Na ledicia que ninguén nos quitará.
Lc 12, 22-34: Na confianza que supera os medos.
Xn 13, 31-35: No respecto, coidado e amor mutuo.


Para entrar en contacto coa túa experiencia de vida
—Do que acontece ao teu redor, que é o que máis e o que menos favorece entre nós a formación dunha Igrexa ao estilo de Xesús?
—Cales son as actitudes negativas que máis te tentan, para non implicarte con forza na revitalización das nosas comunidades cristiás da Igrexa?
—De que méritos da Igrexa te sentes participando con orgullo san e agradecemento?
—Ata que punto os sacramentos son significativos para ti? Cando os celebras (Bautismo, Eucaristía, Perdón…), vívelos con rutina ou como algo que potencia en ti o teu apego por Xesús vivido en comunidade, e o teu desexo de compartir coa xente a ledicia do Evanxeo?


Tempo de oración
—Busca un tempo, un espazo axeitado.
—Toma conciencia de que estás na compaña de Deus, en Deus, con Xesús, no Espírito. Déixate recrear nisto.
—Retoma algún texto da Evangelii gaudium, que che chegou á alma, ou algunha das pasaxes evanxélicas que van ao comezo desta folla. Reléaas, medítaas, reza con elas, déixate conmover por elas.
—Procura quedarte con aquela frase, aquela palabra, aquel movemento interior positivo que máis se aviveceu en ti durante a oración. Dálle espazo e forma na túa vida diaria.
—Remata cantando algo, rezando o Noso Pai.


Traballo entre sesión



(Cuarta sesión: 7 de marzo de 2020)

O Bautismo e o Sacramento do Perdón

Lecturas

-   TORRES QUEIRUGA, A., Culpa, pecado e perdón (do material fotocopiado entregado pola Escola de Espiritualidade.)
-   BURGALETA, X., Pecado, penitencia e madureza humana (do material fotocopiado)

Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:

1.- Reflexión: Habería pecados, se Deus non existise?
2.- Qué pecados preocupaban antes, cáles agora?
3.- Por qué se peca, sabendo que está mal e que, moitas veces, non se querería?
4.- Diferenza entre “culpa” e “pecado” (cf. n. 1)
5.- Para ti a Igrexa foi culpabilizadora ou liberadora? E agora?
6.- Confesarse ao cura, confesarse a Deus, sentido do Sacramento do Perdón
7.- Examinar e dialogar sobre experiencias vividas

-   PAPA FRANCISCO,  Evangelii gaudium, cap. 3º “O ANUNCIO DO EVANXEO” nn. 110-134; 160-175.

1.-Todo o pobo cristián é evanxelizador. Repara en como entende o Papa a catolicidade: diferenzas que enriquecen a unidade. ¿Qué che suxire?.

2.-Que é o que nos capacita para sermos discípulos/as misioneiras, segundo o Papa? (nn. 119-121).

3.- O Papa vai presentando (nn. 122-134) diferentes espazos de evanxelización. ¿Cres que poderiamos incluír algún máis?

4.- ¿Entendemos ben o significado do Kerigma como “primeiro anuncio”? Nun momento misioneiro, aínda en xente bautizada, ¿qué podería significar esa invitación a ter moi en conta o “primeiro anuncio”.

5.-Ao “primeiro anuncio” débelle seguir un bo proceso catequético, ben acompañado por persoas ben habilitadas. É esta unha grande carencia na nosa Igrexa. ¿Cales che parecen as maiores dificultades para poder cubrir esta carencia? ¿Cómo pensas que se podería ofrecer este servizo?