luns, 30 de decembro de 2013

1 de xaneiro: Solemnidade de Santa María


Evanxeo: Lc 2, 16-21

Comentario:

Na celebración de hoxe, 1 de xaneiro, xúntanse varias cousas moi importantes: hoxe empeza un ano novo, o 2014, cousa que sempre nos conmove dunha maneira algo especial; hoxe é a Xornada Mundial da Paz, entendida non só coma vivencia persoal sinxela e fonda, senón tamén como ausencia de conflitos armados, nos que con tanta frecuencia morre moita xente e da máis débil e inocente da sociedade. E, a maiores, a liturxia segue axudándonos a entrar na fondura do misterio de vida que celebramos no Nadal, e para iso proponnos que reparemos especialmente en María de Nazaré, mamá de Xesús, da que tantas cousas sinxelas e auténticas podemos agradecer, celebrar e aprender.

xoves, 26 de decembro de 2013

29 de decembro: Domingo 1 despois de Nadal: A Sagrada Familia



Evanxeo: Mt 2,13-15. 19-23

Comentario:

Igual non debera ser así, pero o tema da familia é un tema que está moito en discusión nos tempos de hoxe. A realidade social indícanos que os modelos de familia que se foron dando dun tempo a esta parte son moi diversos, e algúns mesmo rechamantes: a familia digamos de sempre con pai, nai e algúns fillos ou fillas (poucos en todo caso), familias monoparentais (é dicir, dun só proxenitor ou proxenitora), familias que optan por non teren fillos ou fillas, familias homosexuais, nais que optan por criar algún fillo ou filla sen concurso de varón, familias que adoptan fillos/as, familias nas que, por divorcio ou separación, hai cambio entre as parellas, e os fillos ou fillas teñen que aprender a convivir con pais/nais biolóxicos ou de circunstancias,...

domingo, 22 de decembro de 2013

25 de decembro: O Nadal, o nacemento do Señor (A)


Evanxeos: 
Misa da noite: Lc 2, 1-14
Misa do amencer: Lc 2, 15-20
Misa do día: Xn 1, 1-18.

Comentario:

Celebramos o día do Nadal con tres celebracións específicas: unha á media noite, o que se chama vulgarmente “Misa do galo”; outra ao amencer e outra xa polo día, a unha hora máis ou menos avanzada. Este feito estanos indicando a grandeza do acontecemento que celebramos (Deus metido, revolto, introducido dentro do ser humano, do mundo, do cosmos, en Xesús de Nazaré, e en todos e todas nós, facendo unha unidade total, que nos recrea), e, en consecuencia, estanos indicando tamén como debemos darnos tempo para acoller, sopesar, valorar, agradecer, compartir, celebrar ese acontecemento. Comentamos os dous textos do evanxeo de Lucas, e deixamos o comentario ao evanxeo de Xoán para o domingo 2º despois de Nadal, día no que tamén se le ese evanxeo.

venres, 20 de decembro de 2013

Do 14 de decembro ao 8 de febreiro



Lecturas:





JOSÉ LUIS SICRE, 

Introducción al Antiguo Testamento
Verbo Divino, Estella (Navarra)


Tema II: EL PENTATEUCO










JOSÉ MARÍA MARDONES, 

Matar a nuestros dioses. Un Dios para un creyente adulto. 

PPC, Madrid.






Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:

  1. Que razóns hai para pensar que Moisés non puido escribir o Pentateuco? 
  2. Entón eses libros non son revelación nin “palabra de Deus”? Como se entende iso? 
  3. Como interpretar que Deus lle pida a  Xacob que sacrifique o seu fillo Isaac?
  4. Para salvar a Israel, tivo Deus que “endurecer” o Faraón e matar os exipcios? 
  5. Se Moisés tivo que discorrer, dialogar, aprender dos veciños… para publicar os Mandamentos, como dicimos que son mandamentos de Deus?


  
          O tempo de Nadal, o tempo de vacacións, precisamente por ser vacacións e por ser o tempo de Nadal (o tempo do Deus connosco, o tempo da presenza solícita de Deus no medio de nós, porque nos ama cun amor denso, tenro, esixente, total), préstase para estudar o tema do Antigo Testamento que traemos entre mans, como aprendices de Deus e das persoas que intentaron achegarse á súa luz, ao seu amor, á súa forza,.
          Por outra banda, este mesmo tempo préstase moitísimo para que leamos con calma, meditativamente, o libro de José María Mardones, intentando confrontar con el a nosa experiencia espiritual, na procura sempre dunha experiencia de Deus o máis limpa e fonda posible, aínda que nos revolva a casa e se nos conmovan moitas cousas na vida. Canto máis auténtica sexa a experiencia de Deus, máis nos veremos gratificados e alentadas por ela. E xa sabes que a experiencia de Deus non se acada só con lectura e estudo, senón tamén coa oración e coa praxe do amor.


# Cando vaias lendo estes dous libros, toma nota de todo o que non entendes, o que te sorprende, o que especialmente che gusta, tamén aquilo co que en principio non estás de acordo, para compartilo entre todos e todas. 

2º Encontro do curso 2013/2014



PARA MANTER VIVA A NOSA ESPERANZA

Símbolos:

Cana abaneada polo vento / Roupas finas / imaxe dun profeta. (Mt 11,2-11)


Canción:


ONDE POS A ESPERANZA?
ONDE POS A TÚA VOZ?
ONDE POS O TEU DEUS?
ONDE POS O TEU AMOR?

1º Encontro do curso 2013/2014



Toma de conciencia

Cantiga:

Mira, meu Deus,
aquí estou para quererte,
estas mans, estas mans para servirte
en quen máis precise delas.

xoves, 19 de decembro de 2013

22 de decembro: Domingo 4 de Advento (A)



Evanxeo: Mt 1,18-24

Comentario:

Pasou hai poucos días. Estabamos facendo oración ao remate dun encontro do Movemento Rural Cristián de Galicia. Leramos o mesmo evanxeo deste domingo. De repente dúas persoas, labregas ambas, sinxelas ambas, unha tras doutra, dixeron con sentimento e firmeza que elas non crían que as cousas fosen así, que Xesús nacese desa maneira. Unha destas persoas incluso chegou a dicir: se Deus baixou para facer cousas coma esa do nacemento de Xesús, por qué no baixa tamén para frear moitas maldades e calamidades que hai polo mundo? Segundo fai un milagre, por qué non fai o outro? Aínda que non se diga ás claras, por medo, por vergonza, por non protestarlle ao cura, ou porque, ao fin e ao cabo, é algo que nos pode traer sen coidado na vida, hai moita, moita xente cristiá, católica, que ten este mesmo pensamento, e, canto ten ocasión ao xeito, dío.

mércores, 11 de decembro de 2013

15 de decembro: Domingo 3 de Advento (A)


Evanxeo: Mt 11,2-11

Comentario:

O Advento leva consigo unha ollada estendida cara a un futuro mellor, da man de Deus, da man de cantas persoas queiran colaborar con el na construción das persoas, das familias, dos pobos, das comunidades cristiás, do mundo. Non é posible vivir ben este tempo do Advento, se non é desde unha actitude de busca, de pregunta, de implicación, de meterse no allo das cousas, da vida. Non é posible vivir ben o Advento, se non é desde unha postura viva, inqueda. Por iso mesmo, é ben importante o que nos transmite Xoán Bautista, ese gran referente do Advento: estando na cadea, non se sente encadeado no seu vivir, segue estando inquedo, séguese facendo preguntas, segue soñando na “hora de Deus” (que é tamén a hora da xente, a hora do pobo), segue dándolle voltas a qué haberá que facer, a quén haberá que adherirse, con quén haberá que facer grupo, para que a bendición de Deus chegue ao pobo. Non estaría nada mal que nas nosas comunidades cristiás recuperásemos esta actitude do mestre Xoán. Estar vivos, vivas, para realizar a hora de Deus sobre nós, sobre o noso momento histórico.

venres, 6 de decembro de 2013

8 de decembro: Solemnidade da Inmaculada Concepción



Evanxeo: Lc 1,26-38

Comentario:

Hai xente que pensa que esta Solemnidade da Inmaculada Concepción ten que ver coa concepción de Xesús, por iso de que se le neste día o Evanxeo que a conta; pero non, a Solemnidade da Inmaculada Concepción ten que ver coa concepción da Virxe María, aínda que ningún evanxeo nos diga nada dela. O dogma da Inmaculada Concepción, declarado tal polo papa Pío IX no ano 1854, vén afirmar que desde o primeiro momento da súa concepción a Virxe María estivo limpa de todo culpa, sen mácula, inmaculada, “polos méritos de Xesucristo, o seu fillo, redentor do xénero humano”. O misterio da presenza e da acción de Deus entre a xente toda, en María tamén, desborda as nosas capacidades de comprensión e, posiblemente, todo canto afirmemos, se quede moi lonxe da simplicidade e da fondura do actuar de Deus. Máis ca intentar analizar, descifrar, deberamos adorar, agradecer e deixarnos coller e levar pola forza do misterio sagrado de moitas cousas da vida, e das persoas que a vivimos.

8 de decembro: Domingo 2 de Advento (A)



Evanxeo: Mt 3,1-12

Comentario:

O evanxeo deste domingo e máis o do domingo seguinte están centrados na persoa e na obra de Xoán Bautista. Xoán Bautista foi un personaxe moi querido e venerado polas primeiras comunidades cristiás; liderou un movemento relixioso, do que, sendo adulto, Xesús formou parte, aínda que despois de distanciou del. A figura e as actividades de Xoán Bautista pódennos axudar a poñernos na actitude correcta para prepararnos a acoller ao Xesús, do que axiña celebraremos o seu nacemento, e a acoller tamén ao Xesús que a diario, de mil maneiras, se quere facer presente no medio de nós.

mércores, 4 de decembro de 2013

Do 23 de novembro ao 14 de decembro



Lecturas:





JOSÉ LUIS SICRE, 

Introducción al Antiguo Testamento
Verbo Divino, Estella (Navarra)


Tema I: APROXIMACIÓN AL ANTIGUO TESTAMENTO










JOSÉ MARÍA MARDONES, 

Matar a nuestros dioses. Un Dios para un creyente adulto. 

PPC, Madrid.






Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:
  • Como reaccionas cando les ou escoitas na misa pasaxes "estrañas", coma o paso do "Mar Vermello" con tantas mortes de exipcios?
  • Como explicas a Biblia cando che din que contradí a ciencia actual, por exemplo na creación do mundo en seis días, fronte a miles de millóns de anos?
  • Como pode haber ideas tan distintas de Deus, algunhas terribles?
  • Como compaxinar o Novo Testamento co Antigo?
  • Pensa un pouco en como este lectura che pode axudar a ler a Biblia.



     O libro de José María Mardones é un libro precioso, moi sinxelo na exposición, moi fondo e denso no seu contido. Presenta dunha maneira ordenada e fácil moitas das cousas que nós imos abordando dunha forma ou doutra na nosa Escola de Espiritualidade.
     É un libro moi vivencial, moi para axudar a pensar e repensar cousas, pero para levalas á vida; para deixar de lado determinadas imaxes de Deus que desamañan a nosa relación con el, que nos fan moito máis mal que ben, e para ir experimentando outras imaxes e vivencias de Deus, nas que Deus é con nosoutros, con nosoutras, o que realmente quere ser: un Deus amante, liberador, coidador, capaz de enchernos a vida de paz, de ilusión, de vigor, de esperanza.