23 novembro, 2018

Obradoiro de Espiritualidade 2


PENSAR E VIVIR A XESÚS HOXE

Textos bíblicos:

Mc 1, 21-29: A autoridade coa que Xesús falaba e actuaba causaba admiración.
Mc 8, 27-38: E vós, ¿quen dicides que son eu? Cómo o mesmo Xesús se explica a si mesmo.
Xn 1, 1-18: Prólogo do Evanxeo de Xoán, que amosa xa unha comprensión de Xesús moi madurada desde a reflexión e a vida dalgunhas comunidades cristiás.

Para entrar en contacto coa túa experiencia de vida.
  1. En situacións de crise e transformación da Igrexa sempre se insistiu na necesidade de “volver a Xesús”. ¿Qué significa vitalmente para ti “volver a Xesús”?
  2. Sinala algún aspecto do proxecto e do comportamento crente de Xesús, que neste momento che resulta especialmente atraínte ou especialmente difícil de asumir.
  3. Os primeiros grupos cristiáns foron descubrindo e foron experimentando en comunidade quen era Xesús, que significaba para as súas vidas e para o conxunto da realidade social. ¿Cómo lle estás dando saída a esta necesidade de avanzar no descubrimento de Xesús en comunidade? ¿Sentes necesidade de dar algúns pasos por aí? ¿Qué pasos poderías dar?

Tempo de oración
  • Busca e crea un espazo, un momento, un tempo axeitado (15-20´)
  • Toma conciencia de que Deus está en ti, de que ti estás en Deus.
  • Le algún dos textos sinalados arriba ou Mt 6, 5-14 sobre a oración.
  • Vaite concentrando naquel xesto, naquela palabra de Xesús, que máis che chegou. Somérxete nela, deixa que te colla enteiramente. Cala, adora, ofrécete a fondo, para poder vivir logo algo coma Xesús.
  • Acaba dándolle grazas a Deus pola súa atención neste tempo. Anímate a pasar o día empuxada polo alento de Xesús acollido na oración.

Obradoiro de Espiritualidade 1


PENSAR E VIVIR A XESÚS HOXE


Esta mañá viamos como a comunidade cristiá desde o primeiro momento foi facendo o descubrimento da riqueza enorme de Xesús como ser humano e como fillo de Deus. Este camiño de descubrimento segue aberto na cristoloxía actual.
Tamén cada un, cada unha de nós facemos o noso camiño singular neste descubrimento que nunca podemos dar por acabado.

Tendo isto en conta:

  • Que, quen foi sendo Xesús para ti ao longo da túa vida? Describe brevemente este proceso persoal teu.
  • Recordas algún momento ou circunstancia na que tiveches algunha experiencia máis intensa, na que caíches na conta dalgunha dimensión nova para ti de Xesús?
  • Coñecemos ben esta pregunta que Xesús nunha ocasión lles fixo ás persoas que o acompañaban de cerca: “E vós, ¿quén dicides que son eu?” (Mc 8,29). ¿Quen son eu para ti? ¿Que resposta lle darías ti a Xesús desde a realidade da túa vida? Resume a resposta nunha frase curta, nunha soa palabra, nun símbolo…

1º Encontro 2018 / 2019



Aprendendo a orar na escola de Xesús


1.- Lectura de Mt 6, 5-8
  • Poñernos no centro da oración nós, e non Deus.
  • Excedernos en palabras, cando Deus xa sabe o que precisamos.


2.-Entramos no segredo de Deus
  • Facemos o sinal da cruz, no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.
  • Poñémonos en silencio e quietude ante Deus, co corpo, coa mente, cos sentimentos, con todo o noso ser.
  • Cantamos:

COMO CHE CANTAREI, MEU DEUS, COMO CHE CANTAREI?COMO CHE CANTAREI, MEU DEUS, TAN POUCA COUSA EU SON.

do 10 de novembro de 2018 ao 15 de decembro de 2018



Lecturas:

Texto base:

Repensar la Cristología. Andrés Torres Queiruga. Ed. Verbo Divino 1995

Textos complementarios:

Síntese do anterior, preparado para a Escola de Espiritualidade por María del Carmen Leirós de la Peña (Mencha).


1º encontro: 10 de novembro do 2018
Cap.7 A Cristoloxía despois do Vaticano II  (páx. 215-257)

2º encontro: 15 de decembro do 2018
Cap.6 Xesús, home verdadeiro  (páx. 179-213)

Cuestións para axudar a centrarse no máis importante do texto e ver de comprendelo:

  • Como poderías explicar a diferenza entre unha cristoloxía desde arriba e desde fóra, e unha cristoloxía desde abaixo e desde dentro?
  • Que implicou para Xesús ser un home “coma un home normal” (Flp 2,7)? Sinala algúns aspectos desta realidade.
  • As persoas que acompañaban a Xesús de cerca vírono como un home normal e na profundidade da súa humanidade descubriron algo que os desbordaba, ata chegar a recoñecelo como fillo de Deus. Entendemos isto? Podemos explicalo coas nosas palabras?
  • Fíxate nas ideas do apartado “Algunas líneas comunes”. (páx. 243-249).



Tempo Ordinario: 34ª semana


25 de novembro: domingo 34 do Tempo Ordinario
Solemnidade de Xesús Cristo rei do universo.

Evanxeo: Xn 18, 33b-37

Cando Xesús estaba sendo xulgado por Pilato, entrou este outra vez no pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:
--¿Es ti o rei dos xudeus?
Xesús respondeu:
--¿Dis iso pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
Pilato replicou:
--¿E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min, ¿qué fixeches?
Xesús contestoulle:
--O meu reino non é deste mundo. Se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase aos xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
Díxolle entón Pilato:
--¿Logo ti es rei?
Xesús respondeu:
--Tal como o estás dicindo, eu son rei; para iso nacín e para iso vin ao mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade escoita a miña voz.

16 novembro, 2018

Tempo Ordinario: 33ª semana


18 de novembro: domingo 33 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 13, 24-32

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
--Naqueles días, pasada xa a gran angustia, o sol hase escurecer, a lúa deixará de alumar, as estrelas caerán do ceo, os astros do ceo abalarán. Entón verán vir o Fillo do Home sobre as nubes con grande poder e gloria. E mandará os anxos para reuniren toda a xente escollida desde un extremo do mundo ata o outro extremo.
Aprendede da comparanza da figueira. Cando lle saen os gromos e bota a folla, comprendedes que o verán está a chegar; pois cando vexades que pasan estas cousas, sabede que el xa está pretiño, á porta. Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes suceda todo isto. O ceo e máis a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán. En canto ao día e máis a hora, ninguén o sabe, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; soamente o sabe o Pai.

08 novembro, 2018

Tempo Ordinario: 32ª semana


11 de novembro: domingo 32 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 12, 38-44

Nunha ocasión Xesús instruía as persoas que andaban preto del dicindo:
--Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e máis nos banquetes e acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.
Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moita xente rica botaba con abundancia. E nisto viu unha viúva pobriña que botaba uns céntimos, unha miseria coma quen di. Entón chamou a xente que andaba canda el e díxolles:
--Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis ca ninguén, porque as demais persoas botaron do que lles sobraba, pero ela, na súa pobreza, botou o que tiña para vivir.

01 novembro, 2018

Tempo Ordinario: 31ª semana


4 de novembro: domingo 31 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 12, 28b-34

Unha vez un letrado achegouse a Xesús e preguntoulle:
--¿Qué mandamento é o primeiro de todos?
Xesús respondeulle:
--O primeiro é: “Escoita, Israel: o Señor, noso Deus, é o único Señor, e amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con todo o teu ser.” O segundo é: “Amarás o teu próximo coma a ti mesmo.” Non hai mandamentos máis importantes ca estes.
O letrado replicou:
--Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que o Señor é único e non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con todo o ser, e o próximo coma a un mesmo é máis importante do que todos os sacrificios e holocaustos.
Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:
--Non estás lonxe do reino de Deus.
E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.