28 xuño, 2023

Tempo Ordinario: 12ª semana



25 de xuño: Domingo 12 do tempo ordinario

1ª lectura: Xer 20, 10-12. Salmo 68, 8-10. 14 e 17.33-35.
2ª lectura: Rom 5, 12-15.

Evanxeo: Mt 10, 26-33

Unha vez díxolles Xesús aos seus apóstolos:
—“Non lle teñades medo á xente, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. O que vos digo na escuridade, faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas, pregoádeo desde as azoteas.

Non teñades medo aos que matan o corpo, pero non poden matar a alma; temede máis ben a aquel que pode arruinar o corpo e a alma no inferno.

Non se venden un par de pardais por un as? Con todo, nin sequera un deles cae na chan sen o consentimento do voso Pai. E en canto a vós, mesmo os cabelos da vosa cabeza están todos contados. Así que non teñades medo, vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.

Todo o que volva por min diante da xente, tamén eu hei volver por el diante de meu Pai, que está nos ceos; pero quen me negue diante da xente, eu negareino a el diante de meu Pai, que está nos ceos.”

15 xuño, 2023

Recolleita en Sobrado



  Na festa de Corpus





Desde que a filosofía grega, tan bélica, se coou na nosa teoloxia, o corpo quedou marcado, baixo sospeita, algo ao que hai que vencer, nunha guerra permanente con el.

Pero para as mulleres o noso corpo é o colo que xera, aloumiña e sostén a vida.

Facerse corpo é encarnarse, facerse carne, conectarse co mundo físico, descubrirse como creatura necesitada de cristificacion.

As nosas vidas son tan pequenas que moitas veces non nos dá tempo a descubrir todo o que de fonda ten esta mensaxe de cristificacion que hoxe nos trae o evanxeo. Somos corpo e sangue de Cristo, somos verdadeira comida e verdadeira bebida cando estamos unidos a Cristo, neses breves momentos, limitados e fugaces, nos que nos sentimos parte dun banquete, fraterna e subversiva eucaristía, que dicía Casaldaliga.

Ser corpo ten que ver tamén coa fraxilidade, a vulnerabilidade, a incertidume de todo o vivo. Abrazar a nosa incertidume fainos ser conscientes da limitación, pero tamén da grandeza da plenitude que buscamos e que só podemos experimentar no noso corpo.

Identificarnos con Xesús, co seu proxecto, é estar disposta a asumir a cristificacion, facernos un/unha con Él.

Ao comulgar o corpo de Cristo comulgamos tamén co seu espírito, co desexo dunha humanidade e unha creación reconciliada onde ningún corpo sexa maldito, excluido, inferior.

A eucaristía é tamén pan de vida, sustento e nutrinte, fortaleza e enerxía que nos capacita para vivir a vida coma un banquete no que non hai primeras ni últimas.

Neste proxecto de cristificacion propia e do mundo, quero lembrar a oración de Madeleine Delbrêl, laica que na primeira metade do século XX se inseriu e traballo no mundo obreiro, nun barrio marxinal de París.
“tráesnos esta noite
a este café, chamado Claro de lua,
onde queres ser Ti en nós,
durante algunhas horas esta noite.
Queres atopar,
a través das nosas miserables apariencias,
a través dos nosos ollos que non saben ver,
a través dos nosos corazóns que non saben amar,
a todas estas persoas
que veñen ao bar a matar o tempo.
E porque os teus ollos espertan nos nosos,
porque o teu corazón se abre no noso corazón,
sentimos como o noso débil amor,
se abre en nós coma unha rosa espléndida,
afonda coma un refuxio inmenso e acolledor
para todas estas persoas cuxa vida latexa arredor noso.
Daquela o café xa non é un lugar profano,
un rincón da terra que parecía darche as costas.
Sabemos que por ti nos convertemos
nun centro de carne,
nun centro de graza,
que nos obriga a xirar
a orientar todo,
en plena noite,
cara a nai-pai de toda vida.

En nós realízase o sacramento do teu amor.
Unímonos a ti
con toda a forza da nosa escura fe;
unímonos a elas e eles
coa forza deste corazón que latexa por ti;
amámoste,
amámolos,
para que de todos nós se faga unha soa cousa.
Atrae todo cara ti en nós..."


14 xuño, 2023

Tempo Ordinario: 11ª semana



18 de xuño: Domingo 11 do tempo ordinario

1ª lectura: Éx 19, 2-6a. Salmo: 99, 2. 3. 5.
2ª lectura: Rom 5, 6-11.

Evanxeo: Mt 9,36—10,8

Nunha ocasión, vendo Xesús a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor. Entón díxolles aos discípulos:
—“A seara é grande, pero os traballadores son poucos; así que rogádelle ao dono da seara que mande traballadores á súa seara.”

E co mesma, chamou os seus doce discípulos e deulles poder para botaren fóra os espíritos malos e curaren toda enfermidade e toda doenza.

Estes son os nomes dos doce apóstolos: O primeiro, Simón, chamado Pedro, e mais Andrés, seu irmán; Santiago, o de Zebedeo, e mais Xoán, seu irmán; Filipe e Bartolomeu; Tomé e Mateo, o publicano; Santiago, o de Alfeo, e mais Tadeo; Simón, o Zelota, e Xudas Iscariote, o mesmo que o entregou.

Xesús enviou a estes doce con estas instrucións:
—“Non vaiades a terra de pagáns nin entredes en vilas de samaritanos; ide máis ben ás ovellas perdidas da casa de Israel. E mentres camiñades, proclamade que xa chega o Reino dos Ceos.

Curade enfermos, resucitade mortos, limpade leprosos, expulsade os demos. E xa que de balde recibistes, dade de balde tamén.”

07 xuño, 2023

Tempo Ordinario: 10ª semana



11 de xuño: Santísimo Corpo e Sangue de Cristo.

1ª lectura: Dt 8, 2-3. 14b-16a. Salmo: 147, 12-13. 14-15. 19-20.
2ª lectura: 1Cor 10, 16-17.

Evanxeo: Xn 6, 51-58.

Unha vez díxolles Xesús aos xudeus:
—“Eu son o pan vivo que baixou do ceo; se alguén come deste pan, vivira para sempre; e o pan que eu darei é a miña carne, para a vida do mundo.”

Discutían entón entre eles os xudeus:
—“Como pode este darnos a comer a súa carne?”

Díxolles entón Xesús:
—“Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida.

Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel. Do mesmo xeito que o Pai que me mandou vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non semellante ao que comeron os vosos pais, que mesmo así morreron: quen come este pan vivirá para sempre.”

01 xuño, 2023

Tempo Ordinario: 9ª semana



4 de xuño: Solemnidade da Santísima Trindade

1ª lectura: Éx 34, 4b-6. 8-9. Salmo: Dn 3, 52. 53. 54. 55. 56.
2ª lectura: 2Cor 13, 11-13.

Evanxeo: Xn 3, 16-18

Nunha ocasión díxolle Xesús a Nicodemo:
—“De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel non é xulgado; mais o que non cre xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus.”