30 xaneiro, 2019

Tempo Ordinario: 4ª semana




 3 de febreiro: Domingo 4º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 4,21-30

Nunha ocasión empezoulles a dicir Xesús na sinagoga:
            —Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.
E toda a xente asentiu, admirada polas palabras de graza que saían da súa boca. E dicían:
            —¿Pero non é este o fillo de Xosé?
El díxolles:
        —Seguramente me recordaredes aquel refrán: “Médico, cúrate a ti mesmo”; todo canto oímos que fixeches en Cafarnaúm, faino aquí na túa terra.
Pero el continuou:
            —Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. Tede por seguro que no tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; e a ningunha delas mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. E moitos leprosos había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o sirio.
Oíndo estas cousas, todos os que estaban na sinagoga se puxeron coma feras; erguéndose, botárono fóra da vila e levárono ata un barranco do monte no que está edificada coa intención de o botaren de alí embaixo. Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.

29 xaneiro, 2019

Traballo entre sesións


Lecturas:

Texto base:

Repensar la Cristología. Andrés Torres Queiruga. Ed. Verbo Divino 1995

Textos complementarios:

Síntese do anterior, preparado para a Escola de Espiritualidade por María del Carmen Leirós de la Peña (Mencha).


4º encontro: 9 de marzo do 2019
Cap.5 A resurrección de Xesús e a nosa resurrección  (páx. 157-177)


Cuestións para axudar a centrarse no máis importante do texto e ver de comprendelo:

  1. Intenta ler como contan a resurrección os distintos evanxeos: en que coinciden e que se diferencian?
  2. Como imaxinas a Xesús Resucitado? Onde está? Como é posible que estea presente aquí, en África e en Oceanía?
  3. Que rol e que importancia ten o seu corpo físico?
  4. Que sucede cos nosos defuntos, se tamén eles “resucitan con Cristo”?
  5. Que relación ves entre a vida de Xesús, a súa cruz e a súa resurrección?
  6. Que relación temos cos nosos defuntos? Que sentido teñen os funerais?


Obradoiro de Espiritualidade 4




PENSAR E VIVIR A XESÚS HOXE


Textos bíblicos:

Mc 16, 1-8: Así narrou a resurrección de Xesús o autor do primeiro evanxeo publicado. As mulleres, María Magdalena, María de Santiago e Salomé están no centro da experiencia e do relato.
Lc 24, 13-35: O relato de Emaús, onde se describe como dous discípulos viviron o seu particular encontro con Cristo resucitado.
Xn 21, 1-14: Extraordinaria narración, viva, suxestiva, caseira, que mostra como os discípulos sentían a Xesús vivo no medio deles.



Para entrar en contacto coa túa experiencia de vida.
1.- 0s relatos da resurrección son composicións que nos transmiten a experiencia de  encontro con Xesús resucitado por parte das persoas que mantiñan o seu recordo. Tod@s nós estamos chamad@s a unha experiencia similar, para fundar a nosa fe en Xesús. Como a estamos vivindo? 
2.- Como relacionamos a esperanza nunha vida futura en Deus co deber de traballar por unha vida digna neste mundo para nós e para todo o mundo? Como a nosa vida atopa purificación e plenitude en Deus, na resurrección?
3.- Pensamos que crer na resurrección e vivir a relación con Cristo resucitado nos pode permitir tamén algún tipo de relación espiritual coas persoas defuntas, sen entrar en cousas raras? Como vivimos isto?

Tempo de oración
  • Oración de trato con Cristo resucitado, presente en toda vida.
  • Sae ao campo, se podes. Toma conciencia de todas as criaturas, animadas e inanimadas, que vaias atopando. Teñen vida en Deus. Se podes, toca esas criaturas. Canta algo a Deus pola vida das criaturas.
  • Mira a túa propia vida, a vida da xente que te rodea, na súa fraxilidade e na súa grandeza. Namórate da vida. Deixa que o seu lume prenda en ti e te aviveza para a solidariedade.
  • Canta algo. Pensa nalgunha acción de irmandade e lévaa a cabo. Cristo está en ti abrindo camiños de resurrección.


3º Encontro 2018 / 2019




 1.- Oramos coa mans: As mans falan de nós e fan teoloxía viva.
a) Mans unidas na palma: “A nai gardaba todas estas cousas no seu corazón.”(Lc 2, 51b).
b)  Mans sobre do rostro: “Señor, arreda de min, que son un pecador”(Lc 5,8b).
c)   Mans abertas cara arriba: “Meus amigos, xa somos fillos/as de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús  apareza, nós seremos coma el.” (1Xo 3,2)
d)  Mans coas mans do próximo: “Xesús, conmocionado, alongou a man e tocouno, dicindo: Quero, queda limpo”.(1Mc 1,41).
e)  Mans acariñando: “E, collendo un neno, púxoo no medio deles, abrazouno e dixo…”(Mc 9,36).

CANTO:
BENDITO NAS NOSAS MANS
BENDITO NAS NOSAS MANS.

22 xaneiro, 2019

Tempo Ordinario: 3ª semana



27 de xaneiro: domingo 3º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 1,1-4; 4, 14-21
           
Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e máis os predicadores da palabra, decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, ilustre Teófilo, a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que fuches instruído.
Coa forza do Espírito Santo Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda aquela rexión. Ensinaba nas súas sinagogas e todos falaban ben del. Chegou a Nazaré, onde se criara e o sábado entrou na sinagoga como tiña por costume. Ergueuse para facer a lectura e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
            “O espírito do Señor está sobre min, pois el foi quen me unxiu para proclamar a Boa Nova á xente pobre; envioume para lles anunciar a liberación ás persoas cativas e a vista ás cegas, para lle dar liberdade á xente asoballada e proclamar o ano de graza do Señor.”
Pechou o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Toda a xente da sinagoga ollaba fixamente para el. Logo empezou a dicirlles:
            —Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

16 xaneiro, 2019

Tempo Ordinario: 2ª semana



  
20 de xaneiro: domingo 2º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Xn 2,1-11

O terceiro día houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús. Tamén foi convidado Xesús e mailos seus discípulos ó casamento. Chegou a faltar o viño e a nai de Xesús díxolle:
            —Non te teñen viño.
Replicoulle Xesús:
            —Muller ¿que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.
Súa nai díxolle entón ós servidores:
            —Facede o que el vos diga.
Había alí seis tinas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ó pé de cen litros cada unha. E ordenoulles Xesús:
            —Enchede de auga as tinas.
Eles enchéronas de todo.
Díxolles entón:
            —Collede agora e levádelle a proba ó mestresala.
Eles levárona. E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou con noivo e díxolle:
            —Todo o mundo pon de primeiro o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixaches o viño bo para agora.
Así fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos.

11 xaneiro, 2019

Tempo Ordinario: 1ª semana




TEMPO ORDINARIO

O primeiro domingo do Tempo Ordinario celebramos o Bautismo do Señor. A partir deste domingo empezamos o tempo litúrxico que chamamos "tempo ordinario"; ordinario porque nel non nos preparamos especialmente para celebrar ningún dos grandes acontecementos da vida de Xesús.
Pero iso non quere dicir que neste tempo ordinario as nosas vidas non gocen tamén dun acompañamento sempre especial por parte de Deus, por parte de Xesús, por parte do seu Espírito. Nós imos vivindo as nosas vidas, sempre ben importantes, aínda que nela non pasen grandes acontecementos, pero é a nosa vida: o noso traballo, os nosos amores, os nosos fillos e fillas, a nosa vida familiar e veciñas, a nosa parroquia, a nosa comunidade cristiá, a nosa sociedade, a nosa vida política, o noso mundo coas súas grandezas e miserias.
E a carón noso, vai sempre Deus querendo entrar nas nosas vidas pola porta grande do amor e da amizade, para axudarnos a construírnos como homes e mulleres de ben, felices, solidari@s, pacificad@s dentro de nós e tamén cara á fóra no trato coa demais xente.
Para que poidamos gozar e aproveitarnos dese acompañamento, Xesús vai compartindo tamén a súa vida, nas miudezas que tivo día a día; para iso lemos cada día un anaquiño de Evanxeo, que neste ano vai ser especialmente o evanxeo de  Marcos.
Así as nosas vidas pódense ir entretecendo, compenetrando, ata sermos un con Deus, con Xesús, co Espírito, como se nos invita no relato do Bautismo de Xesús co que empezamos este tempo.
Que o saibamos aproveitar con humildade e valentía.


13 de xaneiro: Festa do Bautismo do Señor

Evanxeo: Lc 3,15-16.21-22

Como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todos:
            —Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume.
Durante un bautismo xeral, e despois de se bautizar tamén Xesús, mentres oraba abriuse o ceo e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia corporal dunha pomba. Entón oíuse unha voz dende o ceo:
            —Ti es o meu Fillo benquerido; en ti me comprazo.

02 xaneiro, 2019

Tempo de Nadal: 3ª semana


6 de xaneiro: Epifanía do Señor

Evanxeo: Mt 2, 1-12

Xesús naceu en Belén de Xudea nos tempos do rei Herodes. E sucedeu que uns sabios de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
—Onde esta o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente e vimos para o adorar.
Cando o rei Herodes oíu isto, alporizouse e con el todos os habitantes de Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:
—En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
"E ti Belén, terra de Xudea,
de ningún xeito es a máis pequena
entre as vilas de Xudea,
pois de ti ha saír o guía
que será o pastor do meu pobo Israel".
Entón Herodes, chamou os sabios ás agachadas para saber ben cando se lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
—Ide e informádevos canto poidades dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a adoralo.
Eles, despois de oíren o rei, puxéronse en camiño. E velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Moito se alegraron ao veren saír de novo a estrela! E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e adorárono; despois abriron os seus tesouros e ofrecéronlle como regalo outro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, regresaron á súa terra por outro camiño.