31 maio, 2012

3 de xuño: Domingo da Santísima Trindade

Evanxeo: Mt 28, 16-20

Comentario:

Despois de pechar o tempo pascual coa festa de Pentecostés, poñémoslle coma un broche de ouro coa festa da Trindade. É unha maneira sinxela de dicir que todo canto de fondo e marabilloso estivemos vivindo, seguindo os pasos da vida, da paixón, da morte e da resurrección de Xesús de Nazaré, ten sentido nese marco simple e inabarcable, próximo e misterioso, que é o marco da Trindade: o Pai, o Fillo, o Espírito Santo. 

23 maio, 2012

27 de maio: Domingo de Pentecostés


Evanxeo: Xn 20, 19-23

Comentario:

     Este Evanxeo reproduce a primeira parte do Evanxeo do 2º domingo de Pascua. Sitúanos, polo tanto, unha vez máis, ante os catro elementos que constituíron o núcleo da sólida experiencia pascual das primeiras comunidades: 1) certeza firme dunha presenza de Xesús resucitado no medio da comunidade, madurada esa certeza a partir de experiencias persoais e grupais, froito da propia busca e disposición coroada polo regalo precioso de Deus; 2) experiencia fonda, fondísima, de paz e de alegría, fronte a calquera tipo de presión, de ameaza, interna ou externa; 3) conciencia de ter recibido unha misión, unha tarefa: a de estender a obra de Xesús, o seu Evanxeo, a súa aposta concreta polo Reinado de Deus, asumindo o estilo de vida de Xesús; 4) saberse envoltos no Espírito de Xesús, recibido gratuitamente, unha extensión viva de Xesús sobre as súas vidas, sobre o seu actuar, sobre as súas capacidades de reconciliar a fondo as persoas, de reintegralas na comunidade humana, na comunidade de Deus.

17 maio, 2012

20 de maio: Festividade da Ascensión (B)


Evanxeo: Mc 16, 15-20

Comentario:
     Celebrabamos a Ascensión do Señor 40 días despois da Pascua, pero non debemos comprender estas datas como se houbese un tempo intermedio no que Xesús andase por aí dando voltas, medio de incógnito, para despedirse logo dos homes e mulleres que o acompañaran durante a súa vida e morte nesta terra, e marcharse para onda o Pai, a un lugar superior, que chamamos ceo. A nosa realidade humana, necesariamente marcada polo espazo e polo tempo, lévanos a entender desta forma as cousas de Xesús despois de morto e resucitado, pero aí non está nin moito menos o forte do que o evanxelista nos quere transmitir. Desde o mesmo momento da súa morte Xesús descóbrese a si mesmo dunha maneira plena no espazo de Deus, entra en Deus gozosamente, e participa da súa plenitude como correspondía a quen no seu ser e no seu desenvolvemento histórico vivira sempre coma fillo querido e fiel de Deus. Se, conforme di o Concilio Vaticano II, “o misterio do ser humano non se aclara de verdade, senón no misterio do Verbo feito carne” (Gaudium et spes, 22), podemos pensar que tamén as cousas poden ser así para cada un, cada unha de nós. En Deus están as nosas raíces e en Deus está tamén a nosa redondez e plenitude.

15 maio, 2012

Escrito de apoio a Andrés Torres Queiruga

Publícase o "Escrito de apoio a Andrés Torres Queiruga", elaborado por persoas da Escola, que foi lido na última sesión e remitido as autoridades e organismos convenidos.


ESCRITO DE APOIO A QUEIRUGA

     Estes días véñense oíndo moitas voces de solidariedade co profesor  Andrés Torres Queiruga. Son testemuños claros, fondos  e ben fundamentados, que poñen de manifesto unha vez máis que contamos cunha igrexa plural e dinámica.

13 maio, 2012

"Las nieves del Kilimanjaro"


Loreto González-Dopeso López

     Me parece muy buena idea la creación de esta sección en el blog, favorece la transmisión de información potencialmente interesante para muchos. Gracias José María.

      Tengo el gusto de estrenarla con la sugerencia de la película "Las nieves del Kilimanjaro". Ya sé que dicha sugerencia fue difundida por el correo electrónico de la Escola, pero insisto aquí porque creo que merece la pena. Paro, crisis económicas y personales, sindicalismo, empatía, compasión, lealtad a los principios, "nadar contra-corriente", autorealización, recociliación... en definitiva, los sacramentos de la vida.
      De verdad, muy recomendable, por temática, enfoque, interpretación, sensibilidad, personajes bien logrados (excepcional el de ella)...
      Muy apropiada para la reflexión y, además, conmovedora. El cine que vemos, también nos va haciendo como personas.

Un saludo y que la disfrutéis.

10 maio, 2012

Entrevista na revista italiana IL REGNO a Andrés Torres Queiruga.

Remitimos a todas as persoas que seguen este blogue a entrevista que na revista italiana "Il Regno" lle fixeron a Andrés Torres Queiruga. Coidamos que é ben importante o contido da mesma, polo que aclara ao redor das cuestións que foron motivo da disconformidade episcopal, e importante tamén polo feito mesmo de que unha revista como "Il Regno", de moita proxección en Italia e mesmo fóra de Italia, tivese a nobreza e a valentía de lle prestar espazo a Andrés para que a súa voz sexa axeitamente expresada e escoitada. Coido que é para felicitarnos con Andrés.
Entrevista ao teólogo español Andrés Torres Queiruga
IL REGNO é unha revista italiana quincenal de gran prestixio. No número 8 de 2012, dedicado a Actualidade (outras quincenas inclúense só Documentos) vai  publicar unha entrevista con Andrés Torres Queiruga, que é tan coñecido e lido en Italia como en España. Tanto a revista como o entrevistador e o entrevistado autorízannos a publicala neste blogue.
1. Prof. Queiruga, ¿que impresión lle fixo recibir o venres santo a notificación sobre algunhas obras súas de parte da Comisión episcopal española para a doutrina da fe?
     - Triste, porque abrigaba unha pequena esperanza de que no último momento, como eu propoñía, se abrise un prazo para un verdadeiro diálogo teolóxico. Triste tamén por un procedemento que, ao meu ver, se fixo non só sen suficiente seriedade teolóxica senón sen esa sensibilidade humana e fraternidade eclesial que debe caracterizar as relacións dentro da Igrexa.

09 maio, 2012

Colaboracións persoais


     Coa intención de que este blog sexa un medio de participación e partillamento de experiencias e novas que teñan relación coa nosa Escola, ábrese unha nova etiqueta co nome de: Colaboracións persoais.
    Nesta nova sección só poderán aportar colaboracións as persoas que están matriculadas na Escola, polo que antes de seren publicadas será comprobada a pertenza á Escola da persoa que elabora a publicación. Por suposto que se poderán facer comentarios ás colaboracións por todas aquelas persoas que o desexen, reservándonos o dereito a determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respectuoso, enriquecedor e fluído. 
    É importante que quede claro que teñen que ser persoais e estar relacionadas coas nosas actividades na Escola (oracións, temas tratados nos obradoiros, nas charlas con Andrés Torres Queiruga etc.). O que non se publicará serán aquelas novas e mensaxes que moitas veces recibimos no noso correo electrónico como "correo masivo", por moi interesante que poda parecer pois para isto xa temos cada un de nós as nosas canles particulares".

08 maio, 2012

13 de maio: Domingo VI de Pascua (B)

Evanxeo: Xn 15, 9-17

Comentario:

     Botando man do “testamento” de Xesús despois da última cea, a cea santa de despedida, o evanxelista Xoán axúdanos a introducirnos no que pode ser unha vivencia relixiosa cristiá densa e sólida, na que Xesús loxicamente xoga un papel de primeirísimo orde; el é sempre a referencia polo que nos ofrece, polo mundo xenial no que nos introduce, polas capacidades que consegue crear en nós, pola tarefa que pon nas nosas mans. O evanxeo, Xesús mesmo –que é o miolo do evanxeo— é para unha persoa cristiá o espello no que se mirar cada día, para ver se un pensa, vive, ama, loita en balde ou non. Oxalá nas nosas comunidades cristiás nos afixésemos a mirarnos neste espello do Evanxeo! Sería algo ben proveitoso nestes tempos nos que a calquera cousa se lle quere chamar vida cristiá, nova evanxelización, experiencia relixiosa, seguimento de Xesús, etc.

03 maio, 2012

6 de maio: Domingo V de Pascua (B)


Evanxeo: Xn 15, 1-8

Comentario:

     O Evanxeo que hoxe lemos forma parte da longa conversa habida entre Xesús e as persoas que o acompañaban despois da cea de despedida polos días da Pascua. Estamos ante unha fonda reflexión espiritual, mística, que o evanxelista Xoán pon en boca de Xesús intencionadamente. Que pretendía facer Xoán? Que pretendía expresar a comunidade da que Xoán formaba parte? Fondamente afectados, afectadas, pola persoa e o estilo de vida de Xesús, os seus seguidores e seguidoras preguntáronse cal era, cal podía e debía ser a relación que os membros da comunidade cristiá mantiñan con Xesús. Unha pregunta vital, non teórica, que sería bo que se fixese calquera comunidade cristiá, tamén a nosa hoxe, calquera cristián ou cristiá. Que lugar ocupa Xesús na nosa vida? Que papel xoga na nosa existencia diaria?

02 maio, 2012

Traballo entre sesións: 28 de abril ao 8-9-10 de xuño de 2012


     O encontro final do curso que teremos en Sobrado dos Monxes os días 8,9, e 10 de xuño ten como obxectivo recoller o traballado, orado e vivido durante o curso nun clima de irmandade fonda entre nós e cos monxes do mosteiro. Retomaremos, polo tanto, o sentido sacramental da nosa vida en conxunto, coas diferentes realidades que a compoñen: corpo, espírito, natureza, relacións humanas, éxitos, fracasos, problemas, conflictos, loita, etc.

Oración da mañá do 28 de abril de 2012

                       ORACIÓN DA MAÑÁ: NA PASCUA DE XESÚS

Símbolo: Coroa de loureiro, cirio, cruz de madeira. Canto do Aleluia.
Lectura de Xn 20,11-18
Salmo 118 (adaptado)

(T) Loade o Señor porque é bo,
porque o seu amor é eterno.