Evanxeo: Mt 2, 1-12
Comentario:
O relato da visita e adoración dos Magos é exclusivo do evanxelista Mateu. Coma outros relatos dos evanxeos da infancia en Mateu e Lucas, non debe ser lido cunha mentalidade historicista, senón teolóxica e espiritual.
Dos Magos non se di que fosen reis, xente de poder, senón Magos, xente do saber, xente da ciencia, xente da sabedoría, xente da sabedoría da vida, para a vida. O primeiro que chama a atención é a disposición dos tales Magos a se poñer en camiño. Son sabios con sabedoría de vida, pero buscan, saen da súa terra, póñense en camiño, seguen os reclamos dunha estrela, é dicir, buscan non empuxados por ningunha seguridade, senón atraídos por indicios incertos, inseguros, misteriosos, que os levan a camiñar. Saen, camiñan, preguntan...

Que actitude vital máis preciosa, sobre todo para os que, con máis ou menos satisfacción ou mesmo arrogancia, nos podemos sentir tentados de vernos xa na posesión da verdade por iso de que temos oído falar de Xesús, somos cristiáns, estamos dentro da Igrexa! Buscar, petar, pedir, que dirá o mesmo Xesús en momentos adultos da súa vida. Uns crentes que buscan, que son constantes, solícitos, fieis e honrados na busca. Unhas comunidades que buscan tamén dese xeito. E que dirixen os seus pasos buscadores cara á vida, cara ás situacións que se dan na vida, cara ás complexidades que no momento presente azoutan as nosas vidas, a vida da xente máis débil socialmente. Preguntando, preguntándose, comprometendo a palabra, a vida. Non estaría aquí unha das claves dunha presenza cristiá viva, dunha nova evanxelización? Unha das claves da esperanza, mesmo da alegría vital?