sábado, 29 de decembro de 2018

Tempo de Nadal: 2ª semana



30 de decembro: domingo dentro da Oitava de Nadal. Festa da Sagrada Familia

Evanxeo: Lc 2, 41-52

Polas festas da Pascua o pai e a nai de Xesús ían todos os anos a Xerusalén. E así, cando o neno tivo doce anos, subiron á festa, conforme a tradición. Pasados aqueles días, cando eles volvían para a casa, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que seus pais se decatasen. Coidando que iría na caravana de xente, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre parentes e xente coñecida. Pero, como non deron con el, volveron a Xerusalén para o buscar. E resulta que, ao cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Todos os que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. Ao velo, os seus pais quedaron impresionados, e díxolle súa nai:
—Meu fillo, ¿cómo te portaches así connosco? Mira que teu pai e máis eu andamos cheos de angustia na túa procura.
El respondeu:
—E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que eu teño que estar na casa do meu Pai?
Pero nin o seu pai nin a súa nai entenderon a resposta. Baixou con eles a Nazaré e vivía baixo a súa autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón. Xesús medraba en estatura, en sabedoría e en graza diante de Deus e máis da xente.

domingo, 23 de decembro de 2018

Tempo de Nadal: 1ª semana



TEMPO DE NADAL


Xa o 24 de decembro empeza o tempo do Nadal, que durará ata o domingo do Bautismo do Señor.

O Nadal é un tempo frío e chuvioso normalmente nas nosas latitudes, pero ao mesmo tempo cálido, que envolvemos en sinais de tenrura, de ledicia e de festa: luces, ceas e xantares, compras, regalos, relacións coa familia e con xente amiga. Un tempo no que, no medio de todo isto, hai bastante superficialidade, bastante insatisfacción, bastante baleiro, porque frecuentemente nos quedamos a medio camiño, non imos ao fondo das cousas, das vidas.

O cristianismo achegouse á festa pagá do Sol --que está na base da nosa festa do Nadal-- ofrecendo unha fe, un convencemento fondo: os homes e mulleres que imos poboando o mundo non estamos sos, non estamos tampouco ao libre dispor dunhas forzas escuras, nin dun fatídico destino. Todos, todas nós somos persoas acompañadas. Somos persoas habitadas por un misterio de luz e de amor, que nos dá orixe e que camiña ao noso lado, dentro de cada un, de cada unha de nós, invitándonos a entrar nunha dinámica de unidade solidaria, onde todos, todas, atoparemos a nosa máis limpa identidade, a nosa paz. Un misterio de luz e de amor que podemos percibir, nomear coa palabra que máis nos praza, e que sempre se nos ofrece para unha relación misteriosa e fecunda. Todo isto, iso si, vivido nas ás da inseguridade, da fe, desde o respecto máis profundo polo que somos os seres humanos, sen xogar para nada coas nosas nudeces, cos nosos medos, coas nosas aspiracións.

Deus é amor. Deus é presenza. Deus éncheo todo. Deus é carne, é materia, é historia. Deus é ser humano e natureza. Deus ofrécesenos en todo. Deus é amigo. Deus anuncia solidariedades fondas. En Deus vivimos e existimos.

O Nadal vainos permitir entrar neste mundo. Faino con relatos, con escenas moi sinxelas, moi familiares, recubertas, se cadra, por unha nube de fantasía que non intenta sobar o misterio, senón poñernos humildemente ás súas portas, para que o percibamos con inocencia. Algo delicado, que podemos estragar co noso afán de querer razoar e dominar todos os bordes dese misterio de Deus, que, ao tempo, é o misterio dos seres humanos.

sábado, 22 de decembro de 2018

Felicitación de Nadal


FELIZ E XUSTO NADAL DESDE O MUNDO RURAL


Que os nosos rexos e ben enraizados carballos
nos leven a enraizarnos no Deus da vida
e a facernos nel persoas consistentes e ousadas.

Coa fortaleza de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que as abondosas augas das nosas fontes, regos, regatos, regueiros e ríos
nos conduzan ata o ollo de todas as fontes
para ir matando pacientemente as nosas infindas sedes.

Coas augas de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que as nosas terras produtoras de moitos, bos e variados froitos
nos animen para sermos persoas produtivas,
abundantes en toda clase de ben, de bondade e de xustiza.

Co vigor de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que o sol que cada día nos aluma, sen fallar á cita
nos invada coa súa luz clarificadora,
e alume os nosos pasos cara á inocencia máis fonda, humilde e liberadora.

Coa luz de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que os ventos que nos envolven de forma incómoda ou agarimosa
nos afagan a deixarnos levar polo vento de todos os ventos,
polo materno espírito de Deus, que sopra onde, cando e como quere.

Co alento de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que as nebras e nubrados que tantas veces nos pechan os horizontes
nos axuden a ollar con respecto e admiración o misterio de Deus,
o misterio da vida, agochado en nós, nas entrañas de todo o creado.

Coa ollada de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que as nosas duras xeadas, neves e invernías
nos fagan sensibles ante a intemperie de tantísima xente
impedida de vivir con dignidade, con teito, traballo e paz.

Coa tenrura de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que as nosas festas, magostos, romaxes e romarías
nos envolvan na ledicia popular da xente unida
e nos encamiñen cara a gran Romaxe da creación liberada.

Coa ledicia de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que cada herba ou floriña, area ou aruxo, folla ou pinga
que constrúen as marabillosas paisaxes que nos rodean
nos leven a descubrir o valor primeiro de todo o pobre, humilde e pequeno.

Coa pobreza de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.
Que os nenos e nenas, mozos e mozas, homes e mulleres
que enchemos e humanizamos esta preciosa paisaxe galega
descubramos e gocemos a graza de sermos irmás, irmáns.

Coas apertas de Xesús, nacido en Belén para o noso ben.



Manuel Regal Ledo


mércores, 19 de decembro de 2018

Tempo de Advento: 4ª semana


23 de decembro: domingo 4º de Advento

Evanxeo: Lc 1, 39-45

Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E, en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. ¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois, ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, a criatura brincou de alegría no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!

martes, 18 de decembro de 2018

3º Encontro: 26 de xaneiro de 2019



Lecturas:

Texto base:

Repensar la Cristología. Andrés Torres Queiruga. Ed. Verbo Divino 1995

Textos complementarios:

Síntese do anterior, preparado para a Escola de Espiritualidade por María del Carmen Leirós de la Peña (Mencha).


3º encontro: 26 de xaneiro de 2019
Cap.8 O que Cristo significa para os homes e mulleres de hoxe  (páx. 261-298)

Cuestións para axudar a centrarse no máis importante do texto e ver de comprendelo:

  • Como era a túa imaxe de Xesús e que cambios notas nela hoxe?
  • Que datos, experiencias, dificultades te fixeron cambiar?
  • Que che din expresións como “baixou do ceo”, “Deus fíxose home”, “subiu ao ceo”?
  • Como falas con Xesús? É un recordo ou unha persoa real?
  • Distingues entre Deus e Xesús cando oras?


Obradoiro de Espiritualidade 3


PENSAR E VIVIR A XESÚS HOXE

Textos bíblicos:

Mt 3, 13-17: recolle unha experiencia fundamental de Xesús: sentirse totalmente fillo de Deus. Fillos/as no fillo.
Lc 4, 1-13: conflitos que Xesús viviu no seu proceso de maduración como crente en Deus.

Xn 16, 4b-15: as primeiras comunidades cristiás, o mesmo Xesús é consciente de que o Espírito ten moito que nos dicir, moito que desenvolver, moito que afondar.

Para entrar en contacto coa túa experiencia de vida.

1.- Ser fillas ou fillos no Fillo. Vivir a experiencia de sermos fillos e fillas ao estilo de Xesús, no Fillo, desenvolvendo en nós as mesmas identidades que Xesús viviu. É un ideal cristián. Como o estamos vivindo?
 

2.- Seguir a Xesús por simple imitación ou copia, ou seguilo desenvolvendo en nós os dinamismos fundamentais que marcaron a súa existencia, pero nos contextos culturais de hoxe? 

3.- A nosa relación persoal con Xesús, como a levamos a cabo? É unha idea, unha especie de fantasma (Mc 6,49), unha persoa real coa que tratamos, coa que compartimos ata o máis íntimo, a quen amamos, aínda que a súa presenza sexa unha presenza no Espírito, espiritual?


Tempo de oración
  • Busca e crea un espazo, un momento, un tempo axeitado (15-20´)
  • Toma conciencia de que Deus está en ti, de que ti estás en Deus.
  • Le algún dos textos sinalados arriba ou Mt 6, 5-14 sobre a oración.
  • Vaite concentrando naquel xesto, naquela palabra de Xesús, que máis che chegou. Somérxete nela, deixa que te colla enteiramente. Cala, adora, ofrécete a fondo, para poder vivir logo algo coma Xesús.
  • Acaba dándolle grazas a Deus pola súa atención neste tempo. Anímate a pasar o día empuxada polo alento de Xesús acollido na oración.

Celebración do Advento



Celebración do Advento


Sentido e forma da celebración:

Imos facer unha celebración do Advento. Unha celebración que nos dispoña cara ao Nadal, unha celebración que nos faga servidores e receptores dos dons do Nadal, das grazas do Nadal.
Ímolo facer dunha forma sinxela, en catro tempos e unha conclusión. En cada tempo iremos presentando e colocando unha das catro figuras que tradicionalmente compoñen o Belén: burro, vaca, Xosé, María. Cada un destes momentos vai acompañado dunha canción, da lectura dalgún texto, dun tempo de silencio, dalgunha comunicación por parte da xente. Todo moi sinxelo, invitando á interiorización, á vida.


Canto de entrada

PREPAREMOS OS CAMIÑOS
ESTÁ PRETO O SALVADOR
E VAIAMOS CAMIÑANDO
AO ENCONTRO DO SEÑOR (bis)

Monitor

Imos ao encontro do Señor. Pero o noso Señor adiántase; é el o que vén primeiro ao noso encontro. De moitas maneiras. A cada persoa, a cada un de nós, a cada unha de nós sairanos ao encontro sabe Deus con que formas concretas nestes días, neste Nadal. Imos contemplar algunhas, por se acaso nelas se asoma á nosa vida regalándonos, invitándonos, provocándonos.

2º Encontro 2018 / 2019



Oramos co corpo, cos signos, coas palabras, co silencio, in puritate cordis.

1.- De pé. Sen papel ningún. Acollámonos a nós mesm@s. Acollamos á xente que nos rodea dándonos as mans. Saibámonos acollidos por Deus.

Posiblemente nos apeteza cantar algo:

TÉNDEME A TÚA MAN,
QUE A MIÑA ESTÁ PRESTA
TEÑO LUME NO FOGAR.

TÉNDEME A TÚA MAN,
QUE A MIÑA ESTÁ PRESTA
NON ME FAGAS ESPERAR.

2.- Sentamos e lemos: Mt 11,25-26

Nunha ocasión orou Xesús desta maneira:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor o ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas á xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así.

xoves, 13 de decembro de 2018

Tempo de Advento: 3ª semana


16 de decembro: domingo 3º de Advento

Evanxeo: Lc 3,10-18

(Cando Xoán Bautista percorría todo a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión), a xente preguntáballe:
—¿E logo, que temos que facer?
El respondíalles:
—Quen teña dúas túnicas, que comparta con quen non teña ningunha, e que fago o mesmo quen teña comida.
Foron tamén uns recadadores de impostos a se bautizar, e preguntáronlle:
—Mestre, ¿qué temos que facer?
El contestoulles:
—Non esixades máis do que vos teñen disposto.
Tamén uns soldados lle preguntaron:
—E nós, ¿qué temos que facer?
El contestoulles:
—Non vos aproveitedes de ninguén con denuncias falsas, e contentádevos coas vosas pagas.
Como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todo o mundo:
—Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e lume. Porque trae a forcada na man, para limpar a súa eira, recoller na hucha o seu trigo e queimar a palla no lume que nunca amortece.
Con esta e outras moitas exhortacións anunciáballe a Boa nova á xente.

mércores, 5 de decembro de 2018

Tempo de Advento: 2ª semana


9 de decembro: domingo 2º de Advento

Evanxeo: Lc 3, 1-6

No ano quince do imperio do emperador Tiberio César, sendo Poncio Pilato gobernador de Xudea e Herodes tetrarca de Galilea, e o seu irmán Filipo, tetrarca de Iturea e máis da Traconítide, e Lisanio, tetrarca de Abilene; baixo o pontificado de Anás e Caifás, chegoulle a palabra de Deus a Xoán, fillo de Zacarías, no deserto. E percorreu toda a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión, para o perdón dos pecados, conforme está escrito no libro do profeta Isaías:

“Unha voz clama no deserto: Preparade o camiño do Señor, achanzade os seus vieiros; toda barranqueira se cubrirá, todo monte e outeiro se rebaixará, os camiños tortos hanse endereitar e os escabrosos hanse achanzar. E todo o mundo verá a salvación de Deus.

sábado, 1 de decembro de 2018



TEMPO DE ADVENTO

Advento, o tempo da chegada, das chegadas de Deus. Chegadas do pasado, que rememoramos e celebramos, porque sosteñen a nosa esperanza; chegadas do presente, ás que se nos pide estar moi atent@s, para non desaproveitar a súa forza de vida, a súa oferta; chegadas do futuro, máis o menos preto, coas que Deus mesmo está comprometido, e para as que a nós se nos pide fe e tamén compromiso.

Deus vén. O seu é vir sempre. Non fai falla que llo pidamos. O seu é vir sempre co pan debaixo do brazo, coa vida debaixo do brazo, coa boa ventura debaixo do brazo. De nós depende pechar ou abrir portas, pechar ou abrir soños, pechar ou abrir cambios, pechar ou abrir vida. Certo que á xente de aldea sempre nos gustou abrirlle a quen peta a nosa porta, facelo pasar, invitalo a algo ao quente da cociña. E así pode ser con Deus.

Vivir o Advento cos pés e co corazón na terra; todo o que fagamos ou deixemos de facer estará asentado nas vidas de cada día, coa xente coa que formamos familia, comunidade, pobo; vidas de cada día repletas de fraxilidades. Vivilo tamén cos pés e co corazón no medio da xente máis desposuída, pois ese é o espazo especialmente escollido por Deus para os encontros con el.

O Evanxeo de cada día vai debullando para nós a riqueza que Deus nos ofrece na palabra e nos feitos de Xesús. Cousas moi simples e moi fondas, que chegan aos nosos corazóns, ás nosas vidas dando paz, alento, esperanza.