27 marzo, 2019

Tempo de Coresma (C): 4ª semana




31 de marzo : domingo 4º de Coresma

Evanxeo: Lc 15, 1-3. 11-32
Os cobradores de impostos e a xente pecadora achegábanse a Xesús para o escoitaren; por iso os fariseos e letrados murmuraban:
            —Este acolle a xente pecadora e come con ela.
Entón Xesús contoulles esta parábola:
            —Un home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ao pai: “Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde”. El repartiullos os seus bens. Días despois este fillo recolleu todo o seu, marchou para un país remoto e alí malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido. Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra e empezou a pasar necesidade. Entón acudiu a un natural do país para servir, e este mandouno a unha granxa a coidar porcos. Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.
Recapacitando, pensou: “Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar e eu morro coa fame. Si, vou volver á casa do meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro”.
Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: “Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo”. Pero o pai díxolles aos seus criados: “Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. Traede o cuxo cebado para matalo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo”. E empezou a festa.
Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para a casa, oíu a música e máis o baile. Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado contestoulle: “Éche que volveu teu irmán e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e salvo”. Entón alporizouse moito e non quería entrar. Pero o pai, saíndo, intentou convencelo. El díxolle: “Tanto anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nin un cabrito me deches para celebrar cos meus amigos; e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado”. O pai contestoulle: “Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu; pero deberías alegrarte xa que este irmán teu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo”.

19 marzo, 2019

Tempo de Coresma: 3ª semana



  
24 de marzo: domingo 3º de Coresma

Evanxeo: Lc 13, 1-9
Unha vez presentáronse onda Xesús algunhas persoas para contarlle o caso aquel cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. E Xesús respondeulles:
            —¿Coidades que eses galileos eran máis pecadores ca os demais, porque acabaron así? Non tal, e asegúrovos que, como non vos arrepintades, acabaredes todos igual. ¿Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables ca os outros habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.
E púxolles esta parábola:
            —Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. Díxolle ao que coidaba a viña: “Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, ¿para que vai cansar máis a terra?” El respondeulles: “Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco ao redor e lle boto esterco; a ser se así dá froito; e, se non, poderala cortar.”

13 marzo, 2019

Tempo de Coresma: 2ª semana



   
17 de marzo: segundo domingo de Coresma

Evanxeo: Lc 9, 28b-36
Nunha ocasión colleu Xesús a Pedro, a Xoán e máis a Santiago e subíu ao monte a orar. Mentres estaba orando, cambiou o aspecto do seu rostro e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes. De súpeto apareceron dous homes falando con el: eran Moisés e máis Elías. Tiñan un aspecto glorioso e falaban do camiño de Xesús que remataría en Xerusalén. Pedro  e os seus compañeiros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa gloria e os dous homes que o acompañaban. Cando estes se arredaban, díxolle Pedro a Xesús:
            —Mestre, que ben que esteamos nós aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.
Non sabía o que dicía. Aínda estaba falando, cando chegou unha nube que os cubriu coa súa sombra; eles asustáronse ao entraren nela. Entón unha voz dixo dende a nube:
            —Este é o meu Fillo, o elixido: escoitádeo.
Cando a voz acabou, Xesús apareceu só. Eles gardaron silencio e naqueles días non lle dixeron a ninguén nada do que viran.

12 marzo, 2019

Traballo entre sesións


Lecturas:

Texto base:

Repensar la Cristología. Andrés Torres Queiruga. Ed. Verbo Divino 1995

Textos complementarios:

Síntese do anterior, preparado para a Escola de Espiritualidade por María del Carmen Leirós de la Peña (Mencha).


5º encontro: 11 de maio do 2019
Cap.9   Que significa “Xesús é Deus”      (páx. 299-379)


Cuestións para axudar a centrarse no máis importante do texto e ver de comprendelo:

  1. Fai memoria desde pequena/o: que imaxe de Xesús che foron transmitindo e recordas?
  2. Do que fomos aprendendo e dialogando, que datos te sorprenderon, ensinaron e axudaron máis?
  3. Como describirías a Xesús, se alguén che pregunta como o ves?
  4. Cales son os interrogantes que máis che veñen e acaso preocupan?
  5. Que che din os “novos” camiños (un pouco difíciles, certo) que se indican no libro?



Obradoiro de Espiritualidade 5




PENSAR E VIVIR A XESÚS HOXE

Textos Bíblicos:

Mc 1, 14-45: Imaxe dun Xesús itinerante, radical, conflitivo, alternativo no nome de Deus, similar a outros que se amosaron no seu tempo con estas características.
Feit, cc 2-5: Os discursos de Pedro recollen a un Xesús admirable, instrumento da salvación  de Deus, a quen Deus resucita e engrandece poñéndoo á súa dereita.
Xn 1,1-18: “O cuarto Evanxelista foi o primeiro escritor cristián en concibir claramente a pre-existencia persoal do Logos-Fillo e en presentar isto coma unha parte fundamental da súa mensaxe.”


Para entrar en contacto coa túa experiencia de vida.
1.- ¿Que aspectos da personalidade humana e relixiosa de Xesús me impresionaron máis, e son considerados por min como aspectos importantes nos que seguir profundando na miña vida?
2.- ¿Como entendo a divindade de Xesús e a que experiencias me leva isto na miña vida?
3.- ¿Que significa para min, como me afecta, como vivo a identificación de Xesús coa xente excluída?
4.- ¿Que me aportaron este curso e este obradoiro? ¿Quen é realmente Xesús para min? ¿Sabería presentalo a quen por el me pregunte?


Tempo de oración

Busca e crea un espazo, un momento, un tempo axeitado para a oración (15-20´)
Centra hoxe a oración no Xesús que se nos fai presente na xente máis marxinal. Para iso empeza lendo Mt 25, 31-46, que acollemos non como ameaza para despois da morte, senón como iluminación da vida.
Identifica o rostro de Xesús, o Cristo, co dalgunha persoa marxinada que coñezas e trates. Contempla, adora, ama, faite dispoñible ata onde o Espírito te vaia levando.
Dálle grazas a Deus porque así de fácil e de provocativo se fai presente na túa vida.

Celebración do perdón



Por Manuel Regal Ledo


1.- Introdución

Xesús acompáñanos e invítanos a converter a nosa ollada, o noso corazón, as nosas mans. Non faremos un exame de conciencia e anotamos pecados. Metémonos contemplativamente nos tres ámbitos de Deus que Xesús nos vai propoñer, e Deus dirá.


2.- Conversión da ollada
           
Signo:   Acendemos unha vela, símbolo da luz de Deus que ilumina a nosa ollada.
Contemplamos en silencio a luz.

CANTO:

A CRISTO CANTAMOS NA LUZ QUE ALUMEA
A CRISTO CANTAMOS CO LUME DA FE.

Lectura: Lc 11, 33-36

Comentario: Tempo de silencio

Cantiga: (coa música de “Onda ti, noso Pai, á tardiña”)


ILUMINAS, MEU DEUS, OS MEUS OLLOS
PRA QUE POIDA CONTIGO ENXERGAR
O QUE AFOGA OU LIBERA UNHA VIDA,
O QUE A ENCHE DE GOZO E DE PAZ.

CON XESÚS CAMIÑANDO CONNOSCO
CONTEMPLANDO O QUE DI, O QUE FAI,
VAGALUMES SEREMOS NA NOITE,
ADIANTANDO O ESPLENDOR DO MAÑÁ.

4º Encontro 2018 /2019




1.- Na escola de oración de Xesús: “Erguéndose moi cedo, aínda de noite, saíu para un lugar solitario, onde se puxo a orar” (Mc 1, 35)


CANTO:

QUERO ESTAR AO TEU LADO, MEU DEUS (3)  
(quen son eu, quen o Deus que me sostén)

05 marzo, 2019

Tempo de Coresma: 1ª semana



 10 de marzo: domingo 1º de Coresma

Evanxeo: Lc 4, 1-13
           
Naquel tempo, Xesús, cheo de Espírito Santo, volveu do Xordán e o Espírito levouno ao deserto. Ficou alí corenta días e tentouno o Satán. Durante todos aqueles días non probou bocado, e ao final sentiu fame. E díxolle o Satán:
            —Se es o Fillo de Deus, manda que estas pedras se volvan pan.
Respondeulle Xesús:
            —Está escrito: “O ser humano vive de algo máis ca de pan.”
Despois levouno a un outeiro e mostroulle nun intre todos os reinos do mundo. Díxolle o Satán:
            —Dareiche todo este poder e toda a súa gloria, porque mos entregaron a min e doullos eu a quen quero. Se me adoras, todo será teu.
Pero Xesús respondeulle:
            —Escrito está: “Adoraras o Señor, o teu Deus, e só a el darás culto.”
Levouno logo a Xerusalén e púxoo no cumio do templo e díxolle:
            —Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí abaixo, que está escrito: “Mandará os seus anxos para que te garden.”  E tamén: “Levarate nas súas mans, para que non se manquen os teus pés nas pedras.”
Xesús respondeulle:
            —Está mandado: “Non tentaras o Señor, o teu Deus.”
E rematadas as tentacións, o Satán deixouno ata o tempo axeitado.